Unhas xornadas divulgarán a estratexia do GALP Golfo Ártabro Sur para acceder ás axudas do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro

O Grupo de Acción Local Pesqueiro (GALP) do Golfo Ártabro Sur organiza unhas xornadas divulgativas co título “Reserva do futuro. Estratexia de desenvolvemento local participativo”.

As xornadas darán comezo este luns, día 20, ás 18:00 en Bergondo e continuarán durante toda a semana nos diferentes concellos que forman parte deste GALP: Cambre, Culleredo, Sada, Arteixo, A Coruña e Oleiros. Os encontros, abertos, diríxense a todos os axentes relacionados, directa e indirectamente, co desenvolvemento de actividades socio económicas no ámbito marítimo e pesqueiro da zona e a calquera persoa interesada.

O seu principal obxectivo é facilitar a máxima información sobre a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, en relación coas axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para proxectos que contribúan ao desenvolvemento do territorio. O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de marzo nesta convocatoria, pero abriranse outras no futuro.

Estratexia e obxectivos

A finais do pasado ano o GALP do Golfo Ártabro Sur aprobou a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), un documento que busca potenciar de maneira especial os sectores do mar e do turismo, favorecendo sinerxías entre ambos. Ademais, a EDLP orienta o programa de axudas do FEMP.

A estratexia do Golfo Ártabro Sur fai fincapé na preservación dos ecosistemas e hábitats marítimo costeiros do territorio, que ten nos principios inspiradores da creación da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e as Terras do Mandeo unha guía á que vincular o desenvolvemento territorial.

Outra das liñas de traballo é a relacionada coa valorización do patrimonio, facendo unha firme aposta pola recuperación de patrimonio vinculado ao mar e a zona costeira, tanto no ámbito material, como no inmaterial, recuperando actividades, tradicións e oficios.

Tamén serán susceptibles de axudas os proxectos que xeren emprego, que atraian á mocidade, que impulsen o protagonismo das mulleres -en particular das mulleres do mar-, e que, en xeral, impulsen o desenvolvemento da zona e acheguen riqueza ao territorio. O orzamento total para o período 2014-2020 é de tres millóns de euros. Hai dúas tipoloxías de proxectos subvencionables: produtivos -ou que supoñen realizar unha actividade económica, e a creación e/ou o mantemento do emprego- ou non produtivos -que non supoñen o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica-.

Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) son asociacións sen ánimo de lucro compostos por entidades que representan os intereses socioeconómicos locais públicos e privados da zona. Os GALP, por tanto, son receptores de solicitudes de proxectos.

Existen na actualidade oito en Galicia. O GALP Golfo Ártabro Sur ten a súa sede na Casa do Mar de Sada e está presidido por Andrés García Boutureira.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024